
Sorprende cómo en comparación Guerra e Paz e La presa poden transmitir a mesma tonelaxe de sensacións, de pensamentos, tal cantidade de malestares e reflexións ao mesmo tempo.
Pódese dicir Guerra e Paz como se podería dicir Os irmáns Karamazov, ou El Quijote, Ulises, ou calquera desas obras monumentais, elefantíacas, que precisas de centos de follas (todas necesarias, sen dúbida) para substraérmonos do mundo e darnos acubillo noutro, cos seus estraños encabalgamentos de reflexión, moral, humor, didáctica, ensinanza, crítica…En contraste, para darnos prácticamente o mesmo e nas mesmas cantidades, a Kenzaburo Oé abóndanlle unhas cen páxinas.
Nobel de literatura en 1994, Oé segue esas pautas de brevidade e serenidade que tanto caracterizan a escrita xaponesa, desde o haiku, o tanka e o renga até as estruturas narrativas máis importantes (monogatari) paridas por autores do tamaño de Mishima, Kawabata ou Abe. Sempre breves e precisos, observadores detallados pero analistas parcos e sintéticos, os escritores xaponeses ofrécennos unha visión despreguizada e miúda da realidade, limpa de obviedades e florituras.
A Oé chñegalle con situarnos nunha aldea remota, cunha montaña, con cativos que xogan nas rúas cos pés descalzos e que se sinten curiosos ante o diario, en contraste coas taciturnas vidas dos seus maiores. Son os últimos días da guerra do Pacífico e os homes que regresaron fixérono deshumanizados e cansos, polo que os nenos son os que levan unha enorme carga de sentimentos e percepcións sensibles de todo o que pasa. E o que pasa é un avión inimigo que se estrela na montaña cercana, un prisioneiro negro, colosal e maniatado, levado á aldea mentres o goberno decide qué facer con el. O que pasa é que quen non puido sair nunca dos límites do poboado xamáis tiña coñecido un ser tan fantástico, tan escuro, enorme e forte, case un ser mitolóxico, metade humano e metade bestia, cun poder de atracción magnético, semellante a un escurísimo unicornio.
Pasa que os neos, que son tan crueis como a súa inocencia lles permite e xogan por achegarse e tocar o monstro, por pousar o máis cerca posible del, probando a súa valentía ante a admiración boquiaberta do resto da aldea.
Pasa que un neno ao que se lle permite dar un paso prohibido dará tres e que o ser mitolóxico será tratado como un animal temible, como un dragón en cautividade ao que ir achegándose para acariñar e, cando este o permita, cando haxa confianza, ir tentando o dano da doma, por probar a valentía. Tratando de amestrar, o amo irá sensibilizándose e domesticando.
Pasa que o tempo non pasa para o soldado acurralado entre a suciedade, a fame e os nenos histéricos na súa curiosidade; non hai xuizos, nin castigos, non hai linguaxe que permita facer preguntas ou respondelas e só resta agardar que os nenos se sintan intimidados ate o punto exacto e confiables ate a mesma fronteira do medo. E desexar que este respecto non mude por xogos e competicións de afoutos cativos xogando á guerra dos maiores, permeables a heroicidades e condecoracións morais.
A animalización do soldado desde os ollos e as reaccións dos nenos faránnos dubidar de quen é humano nesta deshumanización.
Este é un relato bélico, duro e amable, imparcial, que nos permite meternos en calquera pel e en calquera cabeza e manter alerta o medo. A historia segue e fai ecos despois de ter pechado o libro, que xa empeza a propor unha nova lectura cando nin sequera o temos rematado, que nos presenta unha adicción ao autor e ás súas páxinas.









