Disfrutar duns zapatos novos e sufrir o seu dano ou a súa incrible altura, saborear un bombón, unha cunca de viño, entender unha mensaxe diabólica nunha lingua estraña nunha canción hipercoñecida, o tacto suave das sabas recén cambiadas á hora de deitarse…
Só cada un pode enumerar –e atopar- entre as máis variopintas sensacións, aquelas cousas que lle dan un pracer egoísta, autónomo, autoxestionable, algo que é incapaz de explicar aos demais aportando todos os detalles que percibe a través dos seus propios sentidos.
A lectura, moitas veces consignada dentro destos placeras –ou vizos- solitarios, é tratada inxustamente cando se leva ao eido do illamento e a introspección. É marabilloso caer dentro dun libro, ficar atrapado entre as súas páxinas como a flor seca de hai varios veráns, a carta esquecida dalguén querido, pero, e o pracer do encontro, a expurgación, a posta en común, a dúbida, a lembranza compartida…?
Ler un libro so só é comparable a ir ao cine so; no intre de pechar a última páxina, de ler o derradeiro fotograma, o mundo que se despintou por unhas poucas horas vólvese redebuxar, un vístese de rotina e sae é rúa, volve á súa vida e mantén en silencio o visto ou lido até a próxima. Mentres que o mellor dunha películo é case o coloquio de despois, o mesmo que ao saborear por separado os ingredientes dun bo prato en contacto coa lingua, o libro, a lectura, vizo discreto e moderado, debería ser esmiuzado despiadadamente, deixando á vista todos os compoñentes, artiluxios e trucos empregados na súa preparación, as rectificacións de sal, as receitas seguidas.
A lectura debería ter o punto xusto entre a instrospección e a intromisión. O primeiro graco correspondería a buscar o lugar perfecto para levar a cabo a parte íntima, a solitaria, a calada e egoísta lectura que busca isolamente e contención, silencio e claridade, comodidade e tempo e, por outra banda, a saída ao mundo, o encontro, a parte multitudinaria e poliédrica onde a peza única esgaza en outras moitas e rompe, racha, desmóntase e se esboroa. Dereito do lector o de ler e obriga a de partillar, o crear accesos a obras inasibles, ou despistadas, esgrevias ou agochadas.
O ágora que significa un clube de lectura é a praza pública da palabra, o mercado das ideas, un bule bule constante de bocas e oídos que vai desde o primeiro ao segundo punto e pasa por outros moitos que xorden entre os praceres propios de cada lector. Os puntos de vista enriquecen o lector, a lectura e o libro e así sáese da figura do cazador para chegar á do sibarita. O primeiro apreixa o fácil, o accesible, o best-seller, o recomendado, o libro de primeira liña adquirido case que a granel. O sibarita ten o gusto e o tacto do arqueólogo-buscador: intúe, excava, recupera e despois disfruta gorentosamente.
Un listado provisional dos dereitos do lector, formulábao o escritor francés
Daniel Pennac en
Como una novela (1992):
“En materia de lectura, nós «lectores» permitímonos todos os dereitos, comezando por aqueles que negamos aos novos aos que pretendemos iniciar na lectura:
- O dereito a non ler.
- O dereito a saltar páxinas.
- O dereito a non rematar un libro.
- O dereito a reler.
- O dereito a ler calquera cousa.
- O dereito ao bovarismo(*).
- O dereito a ler en calquera sitio.
- 8. O dereito a follear.
- 9. O dereito a ler en voz alta.
- 10. O dereito a calar.
(*) Doenza de transmisión textual. " (Termo derivado do personaxe protagonista de Madame Bovary de Flaubert)